Miguel Sotelo é bailador e mestre de baile tradicional.
Realiza o curso "Bailas? Didáctica da danza tradicional galega" na Universidade de Santiago de Compostela e os cursos "Antropoloxía social e cultural de Galicia: etnografía, patrimonio inmaterial e etnoarqueoloxía. Unha viaxe antropolóxica pola cultura e sociedade tradicional galega." e "Mitología, creencias, rituales y manifestaciones festivas de la cultura tradicional gallega. Un acercamiento antropológico al patrimonio inmaterial de Galicia.", ambos na UNED en Pontevedra.
Ao longo da súa traxectoria exerce a función de director en varias agrupacións: en Trébede (O Morrazo), no cal tamén participa como bailador, na A.C. Retrouso de Cela (Bueu), na A.C. Moañesa de Música e Danza de Moaña, no grupo de danzas Ximalveira do Hío (Cangas) e no grupo infantil da A.C. Lembranzas da Ría.
Do mesmo xeito, imparte clases de baile tradicional galego na A.C. Peis d’hos, na A.C. Lembranzas da Ría, na A.C. O Arco de Vilanova (O Hío), no CEIP do Hío e no CEIP do Castrillón, todas elas en Cangas, na A.C. Trepia de Pontevedra e na A.C.F. Tarambainas de Vigo. Así mesmo, leva a cabo varios cursos de baile en diversas asociacións e en Centros Galegos. Ademais, imparte seminarios de baile tradicional galego fóra de Galicia e no estranxeiro en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia.
No apartado musical, imparte clases de pandeireta e canto tradicional na A.C. Peis d'hos.
Cómpre destacar a súa participación como bailarín na película “La Jota” de Carlos Saura e a dirección artística da curtametraxe “Irei a Darbo”.
Como bailador forma parte de varios proxectos escénicos que teñen como base a música e/ou o baile tradicional galego:
a compañía de música e danza GS21, a compañía de danza e música Circio, a compañía de danza Quique Peón Cía (coa que acada un premio nacional de danza no XXI Certame de coreografía de danza española y flamenco 2013 en Madrid), o Projecto ['trepia], do cal é membro fundador participando como músico e bailador (co que acada varios premios GzCrea, no I Encontro Galego da Música Emerxente e no FestiMadTaste en Madrid) e do grupo de pandereteiros O Tear de Llerena.
Fórmase na A.C. Lembranzas da Ría, onde se inicia como bailador e músico, na A.C.F. O Fiadeiro. Amplía os seus coñecementos asistindo a numerosas clases con recoñecidos mestres de baile tradicional galego. Dende 1994, participa na Danza e Contradanza de Darbo.